Guía da web da ANPA: alta, acceso, datos, extraescolares e baixas

Paso a paso para facerse socio/a, entrar sen contrasinal, revisar e modificar os datos, matricular nas extraescolares e solicitar baixas. A web avísate por correo en cada paso.

Toda a xestión da ANPA As Brañas faise na nosa web, anpaventin.es: facerse socio/a, entrar na área persoal, revisar e modificar os datos da familia, matricular nas actividades extraescolares e solicitar baixas. Sen papeis e sen contrasinais. Nesta guía tes todos os pasos e, ao final, a lista dos correos automáticos que a web che envía para que saibas sempre en que punto está cada trámite.

Ligazóns rápidas: Área de socios/as · Asociarse · Extraescolares: oferta e horario · Contacto


1. Entrar na área persoal: sen contrasinais

  1. Vai a Socios → Área de Socios/as (anpaventin.es/socios/area-persoal/).
  2. Escribe o teu correo electrónico e pulsa Enviar código (ou a tecla Enter).
  3. Recibirás un código de 6 díxitos no correo. Cópiao, escríbeo e pulsa Verificar. O código caduca aos 15 minutos; se non chega, mira a carpeta de spam e pide outro.
  4. Xa estás dentro. Cada vez que entres repítese o mesmo paso: ningunha contrasinal que lembrar.

Se a web non recoñece o teu correo: se aínda non es socio/a, levarache ao formulario de alta; se eras socio/a e deches outro correo, escríbenos a xunta.directiva@anpaventin.es e resolvémolo. Os dous proxenitores poden entrar, cada un co seu correo (ver punto 3).

Por seguridade, a sesión péchase soa tras un tempo sen actividade; avísate antes e podes seguir conectado/a cun clic.


2. Facerse socio/a (5 minutos)

Antes de empezar, ten a man:

  • Nome, apelidos, NIF/NIE e teléfono da persoa que se dá de alta.
  • Un correo electrónico ao que teñas acceso: é a túa chave de entrada.
  • Se queres que o outro proxenitor/a tamén entre: os seus nome, apelidos, NIF/NIE e un correo distinto.
  • Por cada fillo ou filla: nome e apelidos, data de nacemento, curso e aula deste ano (por exemplo 3º B).
  • Datos da conta para a domiciliación: IBAN, nome, apelidos e NIF/NIE da persoa titular, enderezo, poboación, código postal e nome do banco.

Pasos:

  1. Entra en Asociarse (anpaventin.es/asociarse/).
  2. Escribe o teu correo e pulsa Enviar código. Escribe o código de 6 díxitos que recibes e pulsa Verificar.
  3. Os teus datos: nome, apelidos, NIF/NIE e teléfono. Se queres, cubre tamén Outro/a proxenitor/a (opcional, pero recomendable: así ambos podedes entrar e recibir os avisos).
  4. Fillos/as: pulsa Novo fillo por cada un/unha e cubre nome, apelidos, data de nacemento, curso e aula. Indica se autorizas a toma de imaxes nas actividades da ANPA.
  5. Datos bancarios (domiciliación): IBAN, titular, NIF/NIE do titular, enderezo, poboación, código postal e banco. Marca Autorizo a domiciliación bancaria. Gárdanse cifrados e só os ve a directiva.
  6. Acepta a política de protección de datos e pulsa Completar alta.

Que pasa despois: a solicitude queda pendente e a directiva aprobaa, normalmente en poucos días. Recibirás un correo cando estea aprobada; desde ese momento xa podes matricular nas extraescolares.

Cota: 15 € por familia e curso, que se cobra por domiciliación. A alta implica a domiciliación e a cota corresponde ao curso completo, aínda que se solicite a baixa máis adiante.


3. Revisar e modificar os datos da familia

Todo se cambia desde a área persoal, sen enviar papeis. Cada apartado ten o seu botón de gardar.

Os meus datos

Nome, apelidos, NIF/NIE, teléfono e correo. Edita e pulsa Gardar cambios. Se cambias o correo, a partir de aí entras co novo.

Segundo proxenitor / titor

En Os meus datos → Segundo proxenitor / titor podes engadir ou actualizar o outro proxenitor/a con un correo distinto do teu e pulsar Gardar 2º proxenitor. Cada un entra co seu correo e os dous recibides os avisos importantes.

Fillos/as

  • Curso e aula: é o dato máis importante. As actividades extraescolares que verás ao matricular filtran polo curso de cada fillo/a. Se o curso ou a aula (letra da clase) están mal ou en branco, non verás as actividades correctas e a web non deixa matricular. Pulsa Editar, escolle curso e aula e Gardar fillo/a.
  • Data de nacemento: se aparece unha data aproximada, pon a real.
  • Falta un fillo ou filla (por exemplo, un que empeza este ano)? Pulsa Engadir fillo/a.

Conta / IBAN

Cambiaches de banco ou queres que a cota se cobre noutra conta? En Conta / IBAN cubre o novo IBAN, o nome, apelidos e NIF/NIE da persoa titular e, se cambiaron, o enderezo, a poboación, o código postal e o banco. Marca Autorizo a domiciliación bancaria e pulsa Gardar cambios. Sen IBAN e autorización non se pode matricular nas extraescolares.

Xa eras socio/a o curso pasado? Non tes que darte de alta de novo: entra co mesmo correo e revisa estes tres puntos: curso e aula dos fillos/as, datas de nacemento e conta bancaria.


4. Actividades extraescolares: ver a oferta e matricular

Onde ver a oferta e o horario: na páxina Extraescolares, sen identificarte. Verás a lista de actividades ofertadas (empresa, cursos aos que vai dirixida, horario, prezo e prazas) e o horario semanal de luns a venres para comprobar que nada se solapa.

Para matricular (só socios/as coa alta aprobada e a conta bancaria completa):

  1. Entra na área persoal e vai a Extraescolares → Nova matrícula.
  2. Escolle o fillo/a, a actividade e o grupo (día e hora). Só aparecen as actividades do seu curso.
  3. Indica as opcións e autorizacións que se piden: se autorizas ao persoal do comedor a facilitar a participación, se o neno/a pasa do comedor á actividade ou o leva a familia, se pode recollelo unha persoa autorizada e a cesión dos datos necesarios á empresa que imparte a actividade (obrigatoria para matricular).
  4. Confirma. A matrícula aparece en As túas actividades extraescolares cun destes estados: Activa (hai praza, listo) ou En lista de espera (o grupo está completo; se queda unha praza libre, recibirás unha oferta de praza por correo e na área, e terás 3 días para pulsar Aceptar praza; se non, pasa á seguinte familia).

Calendario: as actividades comezan o 1 de outubro. Cinco días antes péchase o prazo de inscrición na web e envíase o listado ás empresas, deixando dous días para que poidades dar de baixa unha actividade se non estades seguros/as ou inscribirvos noutra. Os grupos precisan un mínimo de alumnado para saír adiante; se un grupo non chega, avisaremos por correo.

Aviso importante sobre os pagos: a ANPA encárgase unicamente de xestionar as inscricións e a organización. O cobro das actividades faino directamente cada empresa coas familias inscritas.


5. Baixa dunha actividade extraescolar

  1. Na área persoal → Extraescolares, na matrícula pulsa Baixa. Queda como Baixa solicitada e a praza segue reservada mentres se tramita.
  2. Recibirás un correo de acuse de recibo: a baixa non é automática, unha persoa da directiva ten que confirmala e pode tardar uns días. Mentres tanto podes Anular baixa.
  3. Cando a directiva a confirme, recibirás outro correo que indica desde cando é efectiva. Se a ventá de inscrición do trimestre segue aberta (clases aínda sen confirmar), a baixa é inmediata e sen ningún cobro. Se a inscrición do trimestre xa está pechada e as clases en marcha, a baixa é efectiva ao remate do trimestre en curso (o correo indica a data), a cota mantense ata entón e non se cobra o trimestre seguinte.
  4. Se a directiva non acepta a solicitude (por exemplo, por un erro), recibirás un correo e a matrícula segue activa; escríbenos se cres que houbo un malentendido.

6. Baixa como socio/a

  1. Na área persoal → Os meus datos, pulsa Solicitar baixa de socio/a. Non é posible mentres a familia teña fillos/as matriculados en extraescolares: dá de baixa primeiro esas matrículas.
  2. Recibirás un correo de acuse de recibo: a baixa non é automática, confírmaa a directiva e pode tardar uns días. Mentres tanto podes Anular solicitude de baixa.
  3. Ao confirmarse, a baixa aplícase a toda a unidade familiar (os dous proxenitores, cada un coa súa alta) e cada un recibe un correo coa lista dos correos dados de baixa. Desde ese momento xa non hai acceso á área nin ás actividades da ANPA.
  4. A cota do curso xa xerada non se devolve. Se máis adiante queredes volver, en Solicitar reactivación (ao entrar co voso correo) pídese á directiva e recibiredes resposta por correo.

7. Os correos que che envía a web

Para que saibas sempre en que punto está cada trámite, a web avisa por correo automaticamente:

  • Ao pedir o código de acceso.
  • Ao completar a alta e cando a directiva a aproba (ou, de non ser así, para que contactes con nós).
  • Ao matricular nunha actividade e cando che ofrecen unha praza da lista de espera (3 días para aceptar).
  • Ao solicitar unha baixa (de actividade ou de socio/a): acuse de recibo co que vai pasar.
  • Cando a directiva confirma ou non acepta a baixa, cos seus efectos.

Se un correo non chega, revisa a carpeta de spam e comproba que o correo dos teus datos é o correcto.


Lembra que a ANPA a levamos nais e pais que dedican o seu tempo libre a estas tarefas: os trámites que dependen da directiva poden tardar uns días. Calquera dúbida, escríbenos a xunta.directiva@anpaventin.es ou pasa pola páxina de Contacto. Grazas por formar parte da ANPA As Brañas.