Escape Room: “Eu tamén quero ser Streamer”

Aledámonos moito de poder anunciar a primeira actividade do programa “Encontros de Familias: Aprendemos Xogando” que se celebrará este sábado día 4 ás 17:30. Sentimos moito avisar con tan pouco tempo, pero aínda recibimos hoxe a confirmación de que podiamos usar a sala de usos múltiples da Casa da Cultura.

Escape Room: “Eu tamén quero ser Streamer”

Coñeces Twitch? Sabes quen son TheGrefg,  AuronPlay,  Rubius ou IamCristini?

Seguramente a moitos non vos soen de nada, pero se lle preguntades aos vosos fillos e fillas non terán ningunha dúbida de quen son e o que fan, ata é probable que algúns sigan a miudo as súas emisións e que de maiores querian ser tamén streamers coma eles(o de youtubers xa está pasado de moda).

Tamén é seguro que che saberán nomear moitos dos videoxogos aos que xogan estes famosos streamers como Fortnite, Minecraft, GTA, Among Us ou LoL.

Por iso cremos que é moi importante que as familias poidamos achegarnos ao que lles gusta aos nosos fillos e fillas, ver en que consiste, divertirnos con eles e coñecer tamén os riscos que existen para poder advertilos e axudarlles.

Deste modo o Escape Room será unha oportunidade fantástica para que todos e todas poidamos aprender mentres xogamos en familia cos nosos fillos e fillas.

Inscrición

As dúas sesións do sábado 4 quedaron completas, así que este sábado 11 teremos novas sesións do Escape Room na Casa da Cultura 16:30, 17:40 e 18:50.

Como as prazas son bastante limitadas, recomendámosvos inscribirvos canto antes cubrindo este formulario: